Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Oleiros lamenta profundamente o falecemento de Nicolás Redondo


O Concello de Oleiros quere expresar o seu profundo pesar polo falecemento do sobranceiro sindicalista e político Nicolás Redondo. Para homenaxealo, o Goberno municipal realizará unha ofrenda floral no día de mañá ás 12:00 horas no parque que leva o seu nome na urbanización Rialta.

Nicolás Redondo foi unha figura fundamental do sindicalismo durante o franquismo, a transición e a democracia. Grazas á súa loita pola liberdade, a democracia e a clase traballadora acadáronse importantes dereitos laborais e sociais, o que lle costou numerosas detencións e o levou ao exilio.

Para ensalzar a súa destacada traxectoria na loita pola defensa da clase obreira e da democracia, o Goberno municipal de Oleiros outorgoulle o seu nome ao parque público da urbanización Rialta. Foi no 1996, nun momento no que a cúpula do PSOE estaba a sometelo por non aceptar, como deputado nas Cortes, certas políticas liberais que o Goberno de Felipe González defendía por imposición de EEUU e outros gobernos europeos.

Nicolás Redondo, que se desprazou a Oleiros para o acto de inauguración do seu parque, nunca traizoou os dereitos dos traballadores nin as políticas progresistas que permitiron que en España nacese unha ampla clase media grazas ao traballo e aos dereitos acadados pola loita de millóns de cidadáns. Sobran razóns para que sexa lembrado no Concello de Oleiros.